As verbas de Rosalía de Castro nos centros de ensino grazas ao programa cultural da Deputación de Lugo

5 representacións do espectáculo A VIAXE DE ROSALÍA de Larraitz Urruzola Producións Artísticas pasarán polos Centros de ensino Rosalía de Castro de Bóveda, CEIP San Xoán de Becerreá, CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz de Ribadeo, CPI Dr. López Suarez de Friol e CEIP Ricardo Gasset do Incio, con motivo da Programación Cultural “Día de Rosalía – Monicreques” que organiza a Deputación de Lugo.

Este espectáculo, dos que xa se fixeron máis de 100 representacións desde a súa estrea, foi escrito e dirixido por Lucho Penabade, con creación do espazo sonoro de Jose Luís do Pico Orjais e construción de monicreques por Luchi Iglesias, Olga Vieites e Larraitz Urruzola.

Estas 5 representacións súmanse ás actividade que ao redor do Día do Libro e das Letras Galegas realizará a compañía en Galiza.

Rosalía de Castro, é a escritora galega de maior relevancia universal e unha das figuras indispensables do panorama literario do século XIX, deulle ao galego o seu caracter de lingua culta, foi precursora da poesía española moderna, comprometida con Galiza e como muller adiantada ao seu tempo, pioneira do pensamento feminista.

Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, considerado como o libro fundacional do «Rexurdimento galego», foi publicado o 17 de maio 1863. En conmemoración dese feito, dende 1963, cada 17 de maio se celebra o Día das Letras Galegas, unha celebración instituida pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destaquen pola súa creación literaria en galego ou pola defensa da lingua galega.

Naceu en Santiago de Compostela o 23 de febrero de 1837, pero axiña marchou a vivir a Castro de Ortoño xunto coas súas tías paternas, desde a súa infancia non parou de viaxar, viviu en múltiples lugares ao longo da súa vida ata que ficou en Padrón, na casa da Matanza onde pasou os seus derradeiros anos, agora A Casa Museo e sede da Fundación.

No proxecto A viaxe de Rosalía, invitamos aos espectadores máis pequenos e ás súas familias, a viaxar xunto coa escritora e a súa madriña Francisca, divulgaremos a súa figura desde un espectáculo de monicreques unipersoal e cargadas de maletas con monicreques, teas, zapatos e libros… coñeceremos da man da narradora e titiriteira, Larraitz Urruzola parte da obra Rosaliana e algúns dos pasaxes da vida desta insigne artista Galega.

Fábulas da montaña na programación primavera entre letras en A Guarda

O pasado 20 de Abril iniciamos as actividades conmemorativas polo Día do Libro, con esta proposta da compañía basada nas Fábulas en Verso orixinais de Concepción Arenal. Unha peza escrita e dirixida por Inacio Vilariño, con música en vivo de Marcial del Adalid interpretada ao piano por Merran Laginestra.

En Fábulas da montaña, Concepción Arenal repasa a súa infancia en Ferrol e o posterior traslado a Armaño, Cantabria, trala morte do seu pai. Alí, na convivencia cos animais da casa e ante o respecto de lobos e osos, escribe o seu libro “Fábulas en verso orixinais”. Historias onde destaca a súa loita polos dereitos das mulleres, das clases desfavorecidas e a defensa da educación como medio para conseguir a Igualdade.

En escena a actriz Larraitz Urruzola interpreta a Concepción Arenal, que cos títeres da súa saia-teatriño presenta momentos da súa mocidade e as súas fábulas. A pianista Merran Laginestra acompaña en directo con temas populares e de Marcial de Adalid, compositor galego contemporáneo da escritora.

Concepción Arenal
(Ferrol, 1820- Vigo, 1893) 
A súa pegada no pensamento e na práctica social na defensa dos máis desfavorecidos é mundialmente coñecida e o aprecio pola súa figura excede os confíns da Autonomía Galega dando nome a prazas, rúas, bibliotecas, centros culturais e escolas por todo o Estado español.
Cando acaban de cumprirse 224 anos do nacemento de Concepción Arenal, a compañía Larratiz Urruzola Producións Artísticas quere render homenaxe a esta escritora, xornalista e activista social galega de gran relevancia universal e unha das figuras indispensables do panorama humanístico do século XIX. Muller adiantada ao seu tempo, foi pioneira do pensamento feminista e loitadora en favor da educación da muller como medio para alcanzar a igualdade de dereitos. Como penalista, entre outras cousas, propuxo transformar o sistema penitenciario para que, a través da educación e da formación, o delincuente se reintegrase na sociedade. Concepción Arenal transmite unha imaxe afastada dos estereotipos femininos, coa que se poden identificar as nenas e coa que se pretende contribuír a transformar os modelos imperantes aínda na sociedade de hoxe en día.  
O libro “Fábulas en verso orixinais” é o único traballo da autora específico para a infancia e presenta grandes diferenzas con respecto a outras recompilacións de fábulas moi populares naquela altura e que foran escritas por homes coma La Fontaine, Samaniego, Tomás Iriarte… todas debedoras á súa vez das Fábulas de Esopo. Concepción Arenal muda os exóticos animais da selva africana (leóns, monos, camelos, elefantes, leopardos, tigres) por persoas e animais da montaña cántabra (osos, lobos, mastíns, cans palleiros e galos). Tamén muda os contidos clásicos das fábulas e incorpora temáticas que van ser centrais en toda a súa produción intelectual posterior: a defensa dos desfavorecidos, a importancia da educación nos procesos de transformación da realidade e a necesidade da empatía coa dor e o sufrimento dos demais.
En escena, a actriz-titiriteira Larraitz Urruzola e a pianista Merran Laginestra. Larraitz dá vida a Concepción Arenal, que cos títeres da súa saia-teatriño presenta momentos da súa mocidade e episodios das súas fábulas. Merran Laginestra, no papel de amiga da escritora, interpreta en directo temas populares e de Marcial de Adalid, compositor galego coetáneo da ferrolá e alcumado “O Chopin Español”.
Segundo as ilustracións da época, a saia-teatriño, na que unha muller era a titiriteira, foi un recurso escénico habitual nas veladas das clases ilustradas do século XIX. Con esta proposta queremos recuperar e incorporar ao corpus dramático galego este valioso patrimonio teatral esquecido.

O libro do espectáculo, convertible en teatro de papel, de título Fábulas da montaña está escrito por Inacio Vilariño e con ilustracións de Nuria Díaz, publicado na editora galega Embora.

Pedro e o Lobo no Auditorio de Tui

Aquí vos deixo ligazón ás bonitas imaxes da actuación que publicaron desde o Teatro Municipal de Tui Foto

+info

Neste outono teatral pasamos tamén por Tui, onde 135 espectadores nos acompañaron a Luchi Iglesias, Inacio Vilariño e a min nesta deliciosa representación de Fantoches Baj, que adapta o clásico conto de ‘Pedro e o Lobo’ nunha proposta de marionetas manipuladas coa técnica xaponesa do bunraku e musicadas do clásico de Prokofiev. A peza sitúa a historia nun mundo rural illado da modernidade e contextualiza o conto nunha estación de tren pechada, nun espazo que quixo ser moderno, pero que finalmente foi abandonado e que a natureza comeza a recuperar. A historia cóntana tres antigos operarios do ferrocarril, apaixonados poos trens, que deixaron o seu traballo de desmontadores de estacións para converterse en donos dun parque infantil.

Unha proposta para público familiar sobre superación, amor, vinganza, medo, orgullo… que desde a revisión defende os lobos e o valor da natureza. Pedro e o lobo é un musical de teatro que se pode interpretar de dous xeitos: en formato de teatro con banda de música interpretando en directo os arranxos musicais realizados por Benxamín Otero; ou en formato teatral sen banda de música en directo, apoiándose nas músicas que irán soando gravadas no transcurso do espectáculo.

Viva Vivaldi no Forum da Coruña

4 de Novembro ás 18h COMPRAR

No 2023 conmemórase o 300 Aniversario de As catro estacións de Vivaldi. Fachendosa de que Os Monicreques de Kukas contaran conmigo neste espectáculo con máis de 35 monicreques, 3 actores/actrices e versión musicada para guitarra de Rubén Barros. Unha proposta para público infantil e familiar que poderedes disfrutar neste outono teatral no Forum Metropolitano da Coruña. Un auténtico luxo compartir escenario con Marián González e Marcelino de Santiago “Kukas”, dirixidas pola mestría de Isabel Rey, musicado polo guitarrista Ruben Barros e iluminadas por Miguel Cabaleiro “Fili”

Dona Barriga Verde volta á Feira de San Martiño, Teo

A Barraca do Barriga Verde, acollerá un ano máis espectáculos de monicreques das compañías galegas Títeres Alakrán, Larraitz Producións Artísticas e Seisdedos. Os espectáculos Barriga Verde ataca de novo, Dona Barriga Verde e O Cego dos monifates poderán disfrutarse en varios pases de vinte minutos ao longo da xornada da Feira Cabalar do San Martiño dentro da carpa do Concello situada na Carballeira de Francos en Teo.

Na Asociación Morreu o Demo seguimos loitando por recuperar esta tradición e estamos especialmente ledas de regresar a esta Feira, onde existen lembranzas das gargalladas que xeraban nos Teenses as mocadas do personaxe contra todo maldito, así como as inxeniosas rutinas titiriteiras do Barriga Verde orixinal que a familia Silvent trouxo durante anos ata Francos.

A exposición Onde foi Barriga Verde? Estará tamén presente en Teo. Cunha mostra de nove paneis, repásase a historia do Barriga Verde, faise unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento, a historia dos Silvent, a importancia das feiras como espazos culturais, o patrimonio inmaterial e proponse unha reflexión sobre o futuro destas tradicións. Esta exposición foi realizada pola AC Morreu o Demo grazas ao apoio da Deputación da Coruña para o Proxecto Barriga Verde: da Barraca á aula, que na asociación desenvolvemos nos centros de ensino, e nesta ocasión, co apoio do Concello de Teo itinerará polos centros de ensino públicos do 1 ao 15 de Novembro do 2023.

Dona Barriga Verde en Valdoviño

Cun grande xesto de compromiso coa cultura do país o concello de Valdoviño e a Deputación da Coruña móllanse cunha programación ao aire libre organizada a través da Rede Cultural, para que a volta á socialización a fagamos con garantias de diversión e tamén de saúde.

Dona Barriga Verde integra elementos do Barriga Verde galego, creado por José Silvent a principios do século XX, con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas como son o Dom Roberto portugués, o Pulcinella italiano ou o Punch&Judy inglés entre outros.

Con protagonista femenino, por primeira vez nas tradicións europeas, Dona Barriga Verde achega novas perspectivas  aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición, supón unha actualización das formas e xeitos do títere popular, reinterpreta o patrimonio inmaterial desta técnica titiriteira que nos axudou a purgar as inxustizas a través da risa durante séculos.

Continúa lendo “Dona Barriga Verde en Valdoviño”

Cancelada a actuación de A Viaxe de Rosalía no concello de Melón

#quedanacasa

Esta actuación prevista para o 13 de Marzo, que estaba programada a través da Rede de Auditorios da Deputación de Ourense ReaOU en colaboración co concello de Melón, tivo que ser cancelada por mor da pandemia polo Covid-19. Garantir a seguridade de toda a veciñanza, das traballadoras do concello e das profesionais que estabamos ao tanto de facer a actuación pasa a ser unha prioridade e aínda que o estado de alarma non entra en vigor ata o luns, o máis prudente é que todas e todos fiquemos na casa.

Nesta desconcertante e difícil realidade, agradezo enormemente o interese e compromiso amosado polo concello de Melón para que busquemos unha nova data cando as autoridades sanitarias nos confirmen que podemos facer a actuación sen que ninguén corra risco de contaxio.

A Viaxe de Rosalía en Pazos de Borbén

Unha xornada bonita e emotiva foi fermoso o encontro con estudantes tan sensibles, á vez que espelid@s e retranqueir@s, recibir as apertas ilusionantes d@s usuari@s de ASPAVI e dun par de avoas que tamén andaban por alí.

Moitas grazas biblio de Pazos de Borbén por xuntarnos a tod@s no voso auditorio con motivo da conmemoración do 183 aniversario do nacemento da nosa querida Rosalía de Castro e deixar constancia do meu paso polo voso concello cunha reportaxe tan completa. Por certo, que os que non estivéchedes alí podedes atopala na páxina do facebook da Biblioteca Municipal seguindo a ligazón que vos adxunto abaixo.

https://www.facebook.com/pg/bpmpazosborben/photos/?tab=album&album_id=1833678716767284&ref=page_internal

A viaxe de Rosalía en Moaña

#DíadeRosalía con monicreques e música en Domaio

Este ano pasei o día de Rosalía nun emotivo acto no centro sociocultural que leva o nome da nosa ilustre poeta na parroquia de Domaio, xunto á veciñanza e o tecido asociativo do concello. Compartín un escenario belísimamente decorado con flores cos grupos de música, teatro e bailes tradicionais municipais.

Especialmente sentidas as actuacións dos distintos colectivos da parroquia: A.C.F. Charaviscas, A. MM. Poza da Moura, Coro Arco da Vella e Coro San Pedro. Foi lindo escoitar ás mulleres da asociación, ás persoas xubiladas e mesmo a rapazada integrada con xente nova homenaxeando á nosa querida Rosalía de Castro.

Agradezo ao persoal do concello a excelente acollida e o cariño co que nos trataron en todo momento.

Deíxovos o post á páxina do facebook do concello de Moaña onde tedes a reportaxe fotográfica da xornada.

Viaxe a FETEN-XIXÓN

Arlequina da compañía Os Monicreques de Kukas na Feira Europea de Artes Escénicas para nenos e nenas FETEN

A folla de ruta iniciouse o sábado, que saín xunto a troupe de Os Monicreques de Kukas cara Xixón. A furgoneta cargada de títeres, escenografiás e moita ilusión por poder ter a opción de participar na programación desta Feira tan importante no panorama nacional. Un elenco de 13 persoas, con actores, titiriteiros e os músicos de Zoar. Un equipo, que con moita valentía, conformaron Isabel Rei e Marcelino de Santiago para levar adiante o espectáculo conmemorativo do seu 40 aniversario como compañía . O 10 de Febreiro actuamos no CMI Pumarín para moitísimos escolares e programadores de todo o estado, cunha moi boa acollida.

A partir do martes 11 de febreiro, tivemos a oportunidade de ver a maravillosa exposición de Os Monicreques de Kukas e un maratón de actuacións que me fixeron voltar para casa coas pilas cargadas de boas sensacións.

Moito agradezo a Isabel Rei e a Kukas que me deran esta oportunidade laboral neste espectáculo da súa compañía, e a Isa de Trécola, compaiñera de elenco natural de Xixón, que me acollera na casa para poder pasar toda a a semana facendo o que tanto me gusta, vivir o teatro intensamente, tanto como espectadora coma como traballadora do sector.

Entre tanta actividade apenas tiven oco para facer fotos pero déixovos algunhas imaxes e ligazóns do meu paso polo Feten 2020.

https://www.facebook.com/marionetas.trecola/videos/2933885203299000/?q=feten%20kukas&epa=SEARCH_BOX
https://www.facebook.com/Culturagijon/photos/bc.AboF1IC1uumF9NACbDbDVnbXnjPi9fPkK7IVfrmoes4yblL_9DMaEcfMB2wbc3MPQvBlYpKdrdw4NG0Uv-Ws-o-KDwU6PcMKZ5HCcGd0txXSRdyRZ_gLv6Hn9CZ4NakcHoqi3Pe_i0aTpHYWVPVq4YTJTbSUo9d4pymP1Frj10gLkw/2624401714295057/?type=1&opaqueCursor=AbrKfoL18OCXrbl0VRDoYV662rLIM8Cla_ZpxTiJGtaBduMd8lxvltbpod6n2Ep3VIbL69il8VWB06ccUgu2gmBy__tdFEqK865PigwnkzBdzKHq0ahOSmVV9EsGenxK9TN4YOFgj5MrTKvu1Op0hA9j7uvDN3qRTNAGDyKt4QM3eu5Uo4DMd7E2wpKnZ6IS9VFlGSVCSWwOlfiv1-WimbOJ-QlC86T1M_a8P7ZczzfhXbVMNkO3rGIjaarp-CJOPrHULpDjbBa3RA28Eziw4IGq_y1w67uHbqm2-rcy-_jajeIeO0Rj1TukbwGq_aViR_DeCJX9So6b_QVv0_hssro4gmxpuk59Tc3aIMjABLWfqQRdAmzs2Ffu90xaG19ME90zJdsjTbRIgmRjf2Jgio5snNwed0kecHnqX1n52Ghvj7htQ16TTiJVeJZK7OilJXcscCC74yFGTTOCMDBya54CSC5kIOFLEUbl5dkzs6XYYw&theater