A Barraca do Barriga Verde, acollerá un ano máis espectáculos de monicreques das compañías galegas Títeres Alakrán, Larraitz Producións Artísticas e Seisdedos. Os espectáculos Barriga Verde ataca de novo, Dona Barriga Verde e O Cego dos monifates poderán disfrutarse en varios pases de vinte minutos ao longo da xornada da Feira Cabalar do San Martiño dentro da carpa do Concello situada na Carballeira de Francos en Teo.
Na Asociación Morreu o Demo seguimos loitando por recuperar esta tradición e estamos especialmente ledas de regresar a esta Feira, onde existen lembranzas das gargalladas que xeraban nos Teenses as mocadas do personaxe contra todo maldito, así como as inxeniosas rutinas titiriteiras do Barriga Verde orixinal que a familia Silvent trouxo durante anos ata Francos.
A exposición Onde foi Barriga Verde? Estará tamén presente en Teo. Cunha mostra de nove paneis, repásase a historia do Barriga Verde, faise unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento, a historia dos Silvent, a importancia das feiras como espazos culturais, o patrimonio inmaterial e proponse unha reflexión sobre o futuro destas tradicións. Esta exposición foi realizada pola AC Morreu o Demo grazas ao apoio da Deputación da Coruña para o Proxecto Barriga Verde: da Barraca á aula, que na asociación desenvolvemos nos centros de ensino, e nesta ocasión, co apoio do Concello de Teo itinerará polos centros de ensino públicos do 1 ao 15 de Novembro do 2023.