Fábulas da montaña na programación primavera entre letras en A Guarda

O pasado 20 de Abril iniciamos as actividades conmemorativas polo Día do Libro, con esta proposta da compañía basada nas Fábulas en Verso orixinais de Concepción Arenal. Unha peza escrita e dirixida por Inacio Vilariño, con música en vivo de Marcial del Adalid interpretada ao piano por Merran Laginestra.

En Fábulas da montaña, Concepción Arenal repasa a súa infancia en Ferrol e o posterior traslado a Armaño, Cantabria, trala morte do seu pai. Alí, na convivencia cos animais da casa e ante o respecto de lobos e osos, escribe o seu libro “Fábulas en verso orixinais”. Historias onde destaca a súa loita polos dereitos das mulleres, das clases desfavorecidas e a defensa da educación como medio para conseguir a Igualdade.

En escena a actriz Larraitz Urruzola interpreta a Concepción Arenal, que cos títeres da súa saia-teatriño presenta momentos da súa mocidade e as súas fábulas. A pianista Merran Laginestra acompaña en directo con temas populares e de Marcial de Adalid, compositor galego contemporáneo da escritora.

Concepción Arenal
(Ferrol, 1820- Vigo, 1893) 
A súa pegada no pensamento e na práctica social na defensa dos máis desfavorecidos é mundialmente coñecida e o aprecio pola súa figura excede os confíns da Autonomía Galega dando nome a prazas, rúas, bibliotecas, centros culturais e escolas por todo o Estado español.
Cando acaban de cumprirse 224 anos do nacemento de Concepción Arenal, a compañía Larratiz Urruzola Producións Artísticas quere render homenaxe a esta escritora, xornalista e activista social galega de gran relevancia universal e unha das figuras indispensables do panorama humanístico do século XIX. Muller adiantada ao seu tempo, foi pioneira do pensamento feminista e loitadora en favor da educación da muller como medio para alcanzar a igualdade de dereitos. Como penalista, entre outras cousas, propuxo transformar o sistema penitenciario para que, a través da educación e da formación, o delincuente se reintegrase na sociedade. Concepción Arenal transmite unha imaxe afastada dos estereotipos femininos, coa que se poden identificar as nenas e coa que se pretende contribuír a transformar os modelos imperantes aínda na sociedade de hoxe en día.  
O libro “Fábulas en verso orixinais” é o único traballo da autora específico para a infancia e presenta grandes diferenzas con respecto a outras recompilacións de fábulas moi populares naquela altura e que foran escritas por homes coma La Fontaine, Samaniego, Tomás Iriarte… todas debedoras á súa vez das Fábulas de Esopo. Concepción Arenal muda os exóticos animais da selva africana (leóns, monos, camelos, elefantes, leopardos, tigres) por persoas e animais da montaña cántabra (osos, lobos, mastíns, cans palleiros e galos). Tamén muda os contidos clásicos das fábulas e incorpora temáticas que van ser centrais en toda a súa produción intelectual posterior: a defensa dos desfavorecidos, a importancia da educación nos procesos de transformación da realidade e a necesidade da empatía coa dor e o sufrimento dos demais.
En escena, a actriz-titiriteira Larraitz Urruzola e a pianista Merran Laginestra. Larraitz dá vida a Concepción Arenal, que cos títeres da súa saia-teatriño presenta momentos da súa mocidade e episodios das súas fábulas. Merran Laginestra, no papel de amiga da escritora, interpreta en directo temas populares e de Marcial de Adalid, compositor galego coetáneo da ferrolá e alcumado “O Chopin Español”.
Segundo as ilustracións da época, a saia-teatriño, na que unha muller era a titiriteira, foi un recurso escénico habitual nas veladas das clases ilustradas do século XIX. Con esta proposta queremos recuperar e incorporar ao corpus dramático galego este valioso patrimonio teatral esquecido.

O libro do espectáculo, convertible en teatro de papel, de título Fábulas da montaña está escrito por Inacio Vilariño e con ilustracións de Nuria Díaz, publicado na editora galega Embora.

Deixar unha resposta