Fábulas da montaña

Baseada nas fábulas orixinais de Concepción Arenal

Cando acaban de cumprirse 200 anos do nacemento de Concepción Arenal, a compañía Larratiz Urruzola Producións Artísticas quere render homenaxe a esta escritora, xornalista e activista social galega de gran relevancia universal e unha das figuras indispensables do panorama humanístico do século XIX. Muller adiantada ao seu tempo, foi pioneira do pensamento feminista e loitadora en favor da educación da muller como medio para alcanzar a igualdade de dereitos. Como penalista, entre outras cousas, propuxo transformar o sistema penitenciario para que, a través da educación e da formación, o delincuente se reintegrase na sociedade. Concepción Arenal transmite unha imaxe afastada dos estereotipos femininos, coa que se poden identificar as nenas e coa que se pretende contribuír a transformar os modelos imperantes aínda na sociedade de hoxe en día. 


O libro “Fábulas en verso orixinais” é o único traballo da autora específico para a infancia e presenta grandes diferenzas con respecto a outras recompilacións de fábulas moi populares naquela altura e que foran escritas por homes coma La Fontaine, Samaniego, Tomás Iriarte… todas debedoras á súa vez das Fábulas de Esopo. Concepción Arenal muda os exóticos animais da selva africana (leóns, monos, camelos, elefantes, leopardos, tigres) por persoas e animais da montaña cántabra (osos, lobos, mastíns, cans palleiros e galos). Tamén muda os contidos clásicos das fábulas e incorpora temáticas que van ser centrais en toda a súa produción intelectual posterior: a defensa dos desfavorecidos, a importancia da educación nos procesos de transformación da realidade e a necesidade da empatía coa dor e o sufrimento dos demais.

Sinopse

Cartaz Fábulas da montaña

En Fábulas da montaña, Concepción Arenal repasa a súa infancia en Ferrol e o posterior traslado a Armaño, Cantabria, trala morte do seu pai. Alí, na convivencia cos animais da casa e ante o respecto de lobos e osos, escribe o seu libro “Fábulas en verso orixinais”.

Historias onde destaca a súa loita polos dereitos das mulleres, das clases desfavorecidas e a defensa da educación como medio para conseguir a Igualdade.

Descrición

En escena, a actriz-titiriteira Larraitz Urruzola e a pianista Merran Laginestra. Larraitz dá vida a Concepción Arenal, que cos títeres da súa saia-teatriño presenta momentos da súa mocidade e episodios das súas fábulas. Merran Laginestra, no papel de amiga da escritora, interpreta en directo temas populares e de Marcial de Adalid, compositor galego coetáneo da ferrolá e alcumado “O Chopin Español”.

Segundo as ilustracións da época, a saia-teatriño, na que unha muller era sempre a titiriteira, foi un recurso escénico utilizado nas veladas das clases ilustradas do século XIX. Con esta proposta queremos recuperar e incorporar ao corpus dramático galego este valioso patrimonio teatral esquecido.

Equipa artística e técnica

  • Actriz / Titiriteira: Larraitz Urruzola
  • Pianista: Merran Laginestra
  • Autor e director: Inacio Vilariño
  • Deseños títeres e ilustración para decorado: Nuria Díaz
  • Confección títeres en tea: Marte Martinka
  • Vestiario actrices: Bety Busto
  • Escenografía e mecanismos: Luchi Iglesias
  • Fotos e vídeo: PixelínPhoto
  • Deseño gráfico: Héitor Real
  • Deseño de iluminación: Miguel Cabaleiro

Ficha

  • Música en directo
  • Público: +8 anos
  • Duración: 50 min