Aquí vos deixo ligazón ás bonitas imaxes da actuación que publicaron desde o Teatro Municipal de Tui Foto
Neste outono teatral pasamos tamén por Tui, onde 135 espectadores nos acompañaron a Luchi Iglesias, Inacio Vilariño e a min nesta deliciosa representación de Fantoches Baj, que adapta o clásico conto de ‘Pedro e o Lobo’ nunha proposta de marionetas manipuladas coa técnica xaponesa do bunraku e musicadas do clásico de Prokofiev. A peza sitúa a historia nun mundo rural illado da modernidade e contextualiza o conto nunha estación de tren pechada, nun espazo que quixo ser moderno, pero que finalmente foi abandonado e que a natureza comeza a recuperar. A historia cóntana tres antigos operarios do ferrocarril, apaixonados poos trens, que deixaron o seu traballo de desmontadores de estacións para converterse en donos dun parque infantil.
Unha proposta para público familiar sobre superación, amor, vinganza, medo, orgullo… que desde a revisión defende os lobos e o valor da natureza. Pedro e o lobo é un musical de teatro que se pode interpretar de dous xeitos: en formato de teatro con banda de música interpretando en directo os arranxos musicais realizados por Benxamín Otero; ou en formato teatral sen banda de música en directo, apoiándose nas músicas que irán soando gravadas no transcurso do espectáculo.