Cancelada a actuación de A Viaxe de Rosalía no concello de Melón

#quedanacasa

Esta actuación prevista para o 13 de Marzo, que estaba programada a través da Rede de Auditorios da Deputación de Ourense ReaOU en colaboración co concello de Melón, tivo que ser cancelada por mor da pandemia polo Covid-19. Garantir a seguridade de toda a veciñanza, das traballadoras do concello e das profesionais que estabamos ao tanto de facer a actuación pasa a ser unha prioridade e aínda que o estado de alarma non entra en vigor ata o luns, o máis prudente é que todas e todos fiquemos na casa.

Nesta desconcertante e difícil realidade, agradezo enormemente o interese e compromiso amosado polo concello de Melón para que busquemos unha nova data cando as autoridades sanitarias nos confirmen que podemos facer a actuación sen que ninguén corra risco de contaxio.

A Viaxe de Rosalía en Pazos de Borbén

Unha xornada bonita e emotiva foi fermoso o encontro con estudantes tan sensibles, á vez que espelid@s e retranqueir@s, recibir as apertas ilusionantes d@s usuari@s de ASPAVI e dun par de avoas que tamén andaban por alí.

Moitas grazas biblio de Pazos de Borbén por xuntarnos a tod@s no voso auditorio con motivo da conmemoración do 183 aniversario do nacemento da nosa querida Rosalía de Castro e deixar constancia do meu paso polo voso concello cunha reportaxe tan completa. Por certo, que os que non estivéchedes alí podedes atopala na páxina do facebook da Biblioteca Municipal seguindo a ligazón que vos adxunto abaixo.

https://www.facebook.com/pg/bpmpazosborben/photos/?tab=album&album_id=1833678716767284&ref=page_internal

A viaxe de Rosalía en Moaña

#DíadeRosalía con monicreques e música en Domaio

Este ano pasei o día de Rosalía nun emotivo acto no centro sociocultural que leva o nome da nosa ilustre poeta na parroquia de Domaio, xunto á veciñanza e o tecido asociativo do concello. Compartín un escenario belísimamente decorado con flores cos grupos de música, teatro e bailes tradicionais municipais.

Especialmente sentidas as actuacións dos distintos colectivos da parroquia: A.C.F. Charaviscas, A. MM. Poza da Moura, Coro Arco da Vella e Coro San Pedro. Foi lindo escoitar ás mulleres da asociación, ás persoas xubiladas e mesmo a rapazada integrada con xente nova homenaxeando á nosa querida Rosalía de Castro.

Agradezo ao persoal do concello a excelente acollida e o cariño co que nos trataron en todo momento.

Deíxovos o post á páxina do facebook do concello de Moaña onde tedes a reportaxe fotográfica da xornada.